Thursday 09 de May de 2024

Feijóo refírese á culminación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade como un momento histórico para a comunidade que cambiará “a forma de entender galicia e de relacionarnos”


“Hoxe é un día histórico porque finalizamos unha infraestrutura cuxa primeira travesa puxemos no 2001 e que entre todos fomos capaces de finalizar a primeiros do 2015”, afirma

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á culminación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade como un momento histórico para a Comunidade que cambiará “a forma de entender Galicia, de relacionarnos, de convivencia e de traballo”. “Marcará un antes e un despois nas relacións entre as cidades e entre os galegos”, aseverou.

“Hoxe é un día histórico porque finalizamos unha infraestrutura cuxa primeira travesa puxemos no 2001 e que entre todos fomos capaces de finalizar a primeiros do 2015”, engadiu, logo de salientar que a entrada en servizo do Eixo Atlántico significa que cada persoa que realice este traxecto disporá de 50 minutos máis, ao pasar das dúas horas necesarias ata agora para realizar o mesmo percorrido a 70 minutos para percorrer os máis de 150 quilómetros entre A Coruña e Vigo.

Tras facer en tren a ruta A Coruña- Vigo, acompañado da ministra de Fomento, Feijóo subliñou que “agora, xa desde o mes de abril, cinco cidades galegas están conectadas por un tren de alta velocidade e queda menos para conectarnos coa meseta”.

Na súa intervención tivo palabras de recoñecemento aos anteriores gobernos da Xunta e gobernos centrais, así como ao actual Goberno de España polo seu compromiso con esta obra; “o recoñecemento de que fomos quen, na recesión económica, de finalizar o Eixo Atlántico, que sen dúbida é un antes e un despois na historia das relacións entre os galegos, que entendemos moito máis que vivimos nunha comunidade unida, coas cidades conectadas entre si en 30 minutos”.